RECUPERANDO A HISTORIA DA MODA EN GALICIA
Non quedan moitas mostras da roupa que se vestía na Idade Media, nas épocas anteriores e mesmo nas inmediatamente posteriores en Galicia, aínda que si é posible saber moitas cousas sobre como vestían os galegos de entón e sobre como facían a súa roupa gracias aos textos literarios, aos restos dos materiais cos que facían as súas pezas de vestiario e mesmo aos testamentos. A roupa en si desfíxose por culpa da humidade galega, que fixo a súa supervivencia moi complicada, e polas propias condicións nas que se usaba a roupa, que era empregada ata que estaba tan rachada que non podía ser usada máis. Por iso, as pezas máis antigas que se poden ver na exposición Con fío, que acaba de ser inaugurada na Cidade da Cultura en Santiago e que estará aberta ata o próximo setembro, son do século XVIII. Para as décadas anteriores hai que usar a imaxinación, as obras de arte, as recreacións e mesmo os monumentos funerarios para ver como vestían os galegos.
A non existencia de roupa exacta que mostrar non quita interese ao que se pode ver. Hai que calzar uns zapatos cómodos dos que permitan estar de pé todo o tempo que se queira e subir ata a Cidade da Cultura para pasar unha boa tarde vendo a moda galega dos últimos milenios. Con fío invita a mergullarse na historia da moda en Galicia, tanto en como se producía e se produce o téxtil galego como en como se viste en Galicia.
A exposición permite así ver como a moda evolucionou dende a época castrexa pasando polos romanos e a invención do concepto de facerse ver gracias á roupa ou as modas do XIX ata a máis recente industria galega do téxtil. Na exposición tamén se poden ver zapatos, mesmo as pezas máis antigas de vestiario do fondo de armario da Galicia histórica que se mostran son uns zapatos de coiro do século XVII.
Unha das cousas que a exposición deixa clara é que a relación entre a moda e Galicia non é unha cuestión nova. Non foi só Inditex quen inventou a industria da moda en Galicia, xa que ao longo do século XX foron varias a empresas que intentaron facer industria dende Galicia no campo da moda.
Antes do boom de Inditex, xa houbo unha firma especializada en camisas que chegou a un acordo con Salvador Dalí para producir a camisa Dalí nos anos 60. O pintor levou 125.000 pesetas polo acordo e unha peseta por cada camisa vendida e a marca, Regojo, fixo unha campaña de marketing brutal para facer da prenda un éxito de ventas. Unhas décadas máis tarde, e de forma paralela ao nacemento de Inditex, varios deseñadores galegos convertéronse nos grandes expoñentes da moda máis moderna en España. Eran os anos do boom de firmas como Adolfo Domínguez (do que contan que chegou mesmo a colocar unha das súas chaquetas na serie máis guay do momento, Corrupción en Miami) e de ideas rompedoras como que a engurra é fermosa.