UN CAFÉ CON BJÖRK
Como introdución dirémosvos que descubrimos que vive entre NY e Islandia, que lle encanta ir en bici e que é fácil atopala en clubs de Brooklyn na brusquida de bits ou nun Airbnb de Costa Rica perdida da man de dios e comprando teclados en sintetizadores de segunda man en Ebay para fozar e atopar novos sons. Si, Björk aos seus 52 anos parece ter a enerxía e curiosidade dun adolescente.
Durante unha hora e media, falou de como este disco, Utopia é o menos feminista ou a súa parte máis fráxil como muller. Contou que é un dos traballos máis positivos onde os tons e as cores son máis lixeiras e interesantes pero máis alá de todo iso nós entendemos que falou de actitude. Si, esa que tanto botamos en falta hoxe. Esa que convirte a unha persoa “normal” nun referente.
Nos tempos que corren onde o global, industrial e individual é o que manda e no que queremos todo aquí e agora, fácil, sen custo e sen complicacións, a fórmula desta artista para facer algo significativo e que transcenda ten unha camiño pausado, con moito traballo e profundo pensamento. Björk recorre á natureza, á súa cultura islandesa, ás relacións e respecto entre as persoas e non só o pon en valor, senón que o transforma en arte. A cantante pode pasarse dous anos investigando sobre o son dos paxaros ou ter a unha persoa adicada durante meses á investigación e documentación que logo servirá para crear os elementos que van a formar parte da súa posta en escena. Cada elemento da súa obra está pensado, cargado de significado e ten un gran valor.
Como mostra do anterior, dirémosvos que para este disco Björk entendía que o son das frautas era algo importante así que aprendeu a facer arranxos para este instrumento. E no canto de buscar uns libros de teoría e aplicala como calquera persoa faría, decidiu ir máis alá. Seleccionou a un grupo de frautista mulleres e invitounas todos os venres durante varias semanas a unha casa que ten no campo. Alí, entre viños e nun espazo de colaboración, ademais de entender o instrumento e os seus sons, compartiron vidas. Un proceso así sería impensable para a maioría pero ela é consciente de que este tipo de decisións son as que logo marcan a diferencia pois fana medrar a ela como persoa e por extensión á súa expresión artística.
Escoitala falar das frautistas e doutras persoas que traballaron con ela, sexan máis experimentadas ou menos, é un pracer. Ten gran admiración e devoción polas persoas, e un respecto máximo por todo e todos.
A pesar de ser unha artista mundialmente coñecida e consolidada fai xa moito tempo, mantén unha consciencia e empatía á que non estamos acostumados. Chamounos moito a atención visión e percepción que ten sobre o traballo e a vida. Dende fai uns anos non fai intensos tours de meses, se non que vai facendo concertos menos consecutivos para que tanto ela como a xente que a acompaña poida ir á casa e ter un ritmo de vida máis “normal” e sostible, o que seguro algún medio ou personaxe marketiniano podería acuñar como slow music ou xiras sustentables.
Nun dos nosos cafés máis interesantes dos últimos tempos, descubrimos que debaixo dos extravagantes looks e postas en escena de Björk, escóndese unha persoa moi cabal, próxima e única. Se tedes oportunidade recomendámosvos que asistades a algún dos seus eventos.