DI QUE CALZAS E DIREICHE QUE VIÑO BEBER

Os zapatos forman unha parte moi importante da nosa vida e unha que ademais combinamos con moitos outros elementos. Un decide o que calzar en base a como vai vestido pero tamén tendo en conta o lugar ao que vai ir, o tempo que estará calzado con eses zapatos concretos ou se terá que camiñar, estar sentado ou permanecer de pé durante horas. Poderían os zapatos ser escollidos en base a outras cousas ou poderían outros elementos do noso día a día estar influenciados por como calzamos? Estivemos en Vide, Vide!, un espazo enocultural en Santiago, e pedímoslles que combinasen zapatos e viños. Cada calzado pode esixir un caldo totalmente diferente e a oferta de viños galega é o suficientemente ampla como para atopar o que é perfecto para cada zapato.

Zapatillas de andar por casa

Unhas boas zapatillas, ben quentiñas, son perfectas para unha tarde de relax, mantiña e bo libro ou boa película. A combinación ten que ir acompañada dun tinto Traste, da DO Valdeorras. Como explican os de Vide, Vide! é un viño moi equilibrado, moi aromático, perfecto para tomar cun bo queixo, o que dá unha mestura perfecta para non saír da casa.

Zapatillas Nordika´s Jose Aristegui

 

Botas para o frío

Aínda que en certos días, como nos que vai moito frío, apetece moi pouco saír da casa, un non pode quedar por sempre no sofá coa mantiña. s veces hai que calzar unhas boas botas e aventurarse ao frío. Para esas xornadas, o mellor que un pode beber é un viño doce. Recomendan un Tostado de Costeira, da DO do Ribeiro e que ademais ten pedigrí literario. Explícannos que este tipo de viño xa aparece nos Pazos de Ulloa, a novela de Emilia Pardo Bazán, e que é mencionado como un viño moi bo e de moita calidade. O marqués protagonista ten este viño gardado na súa adega, como un elemento moi especial. Debe tomarse despois de comer.

Tostado de costeira blackstone

 

Botas para auga

Neses días nos que chove, hai unha excesiva humidade e un certo bochorno, non queda máis remedio que calzar unhas boas botas de auga. Que beber a xogo coa xornada? A recomendación é un tinto da denominación de orixe Rías Baixas, o D’Arvelos. É moi fresco e moi aromático, así que resulta perfecto para as circunstancias, cóntannos, pero ademais tamén ten a súa historia. É a variedade máis antiga de todos os viños galegos, tanto que ten unha historia que se remonta 2.000 anos atrás.

bota camper botella darveos

 

Zapatos de taco alto

Os zapatos de tacón son unha elección non sempre para todos os días, senón que acaban sendo reservados para os días especiais nos que se require certa elegancia. Por iso, precisan dun viño delicado e igualmente elegante que encaixe perfectamente co outfit. A recomendación dos expertos é un tinto Capricho de Merenzao, da denominación de orixe Ribeira Sacra. “É un viño sutil, fino, con aromas moi agradables en nariz e en boca”, apuntan.

ponte da boga zapato leie

 

Zapatillas

Para pasear, saír a camiñar polo monte ou entregarse a unha sesión máis ou menos enérxica de running, hai que botar man dun zapato que resulte cómodo e que faga a experiencia moito máis confortable. Ademais, tamén hai que ter prevista unha bebida acorde para combinar. Como saír a camiñar pode ser unha experiencia un tanto extrema, a recomendación é un viño tamén extremo. O elixido é un branco, o Ribeiras de Armea, que é un viño de Betanzos. Betanzos é unha zona das coñecidas como extremas na produción de viño, xa que está no límite xeográfico entre onde se da o viño e onde non se da. “Este é fresco, ten unha acidez interesante e unha aromática non exuberante pero si elegante”, apuntan.

zapatilla diadora 1885060 ribeiras de armea